O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) solicitou licenza ao Concello de Pontevedra para regular o aparcadoiro que se encontra na rúa Alcalde Hevia número 7 en Campolongo, fronte ao edificio desta institución, coa intención de pechar a parcela para que só poida ser utilizada como espazo de estacionamento por traballadores e usuarios do IGVS.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, indicou que o IGVS é o propietario deste terreo onde hai "unha persoa que asume o papel de organizar aquelo e faino con eficacia". Pepe, o 'gorrilla' que leva 19 anos encargándose desa xestión do aparcadoiro, sinalaba a PontevedraViva que "ya llevan hablando de eso desde hace más de cuatro años, pero no creo que lo vayan a hacer". Pepe, natural de Ceuta, preséntase como o primeiro aparcacoches de Pontevedra, tras ver esta práctica en Sevilla, e logrou converterse nun personaxe moi popular entre os usuarios deste espazo que, en ocasións, lle ceden as chaves dos seus automóbiles para que sexa el quen os aparque na parcela.
Agora, o Instituto Galego de Vivenda e Solo terá que demostrar que cumpre coa condición establecida pola Concellaría de Urbanismo de que o aparcadoiro estea vinculado á parcela para o uso de traballadores e usuarios do centro. Antón Louro sinalou que queda expresamente prohibido que se destine a aparcadoiros de uso público rotatorio.
Segundo o Concello, neste terreo de 921 metros pódense crear 44 prazas. Pepe, o gorrilla de Campolongo, afirma que aparcan alí "más de cincuenta".
APARCADOIRO PARA O HOSPITAL
O concelleiro de Urbanismo anunciou tamén que o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) presentou unha solicitude de licenza para crear outro aparcadoiro nunha parcela de Loureiro Crespo de 1397 metros, que permitiría a creación de 48 prazas. A intención dende a Consellería de Sanidade é que este aparcadoiro sexa xestionado por unha entidade, posiblemente, a Asociación Juan XXIII, segundo expuxo Antón Louro.
Neste caso, dende a Consellería tamén teñen que demostrar que vai existir vinculación do aparcadoiro co Hospital Provincial e que só será utilizado por usuarios e por traballadores do centro.
Ambos os dous aparcadoiros, tanto o de Alcalde Hevia coma o de Loureiro Crespo, poderán ser de pagamento ou gratuítos, segundo decidan os promotores do proxecto que, cando se lles conceda a licenza, "deberán presentar as fórmulas para cumprir cos requisitos de uso, a través de tarxetas ou doutros dispositivos" que evite unha utilización xenérica dos estacionamentos, indicou Antón Louro.