Piden colaboración para localizar a quen roubou portas e xanelas do Centro Social Escola de Agudelo

Barro
02 de febreiro 2022

O goberno muncipal de Barro presentou denuncia ante a Garda Civil por esta acción. Os asaltantes levaron dúas portas e doce xanelas de aluminio lacado en cor branca

Roubo de portas e ventás no Centro Social Escola de Agudelo
Roubo de portas e ventás no Centro Social Escola de Agudelo / Concello de Barro

Sorprendente roubo o que se producía durante a fin de semana no municipio de Barro. Os amigos do alleo levaron gran parte da carpintería exterior do Centro Social Escola de Agudelo.

O goberno local presentaba denuncia o luns ante a Garda Civil polo roubo con forza maior de dúas portas e doce xanelas de aluminio lacado en cor branca. Un material que alcanza un valor aproximado aos seis mil euros.

O alcalde Xosé Manuel Abraldes fai un chamamento á colaboración cidadá para que calquera persoa que poida achegar información de interese sobre este suceso se poña en contacto co goberno municipal ou coa Garda Civil para esclarecer o caso e localizar os autores.

As primeiras investigacións contemplan que o material debeu ser roubado para a súa revenda ou para reutilizalo nunha construción que se estea executando. O Concello de Barro realizou obras en 2021 para recuperar este antigo espazo conservando a súa arquitectura co obxectivo de convertilo en un centros social parroquial para a actividade das asociacións e do vecindario.