Un total de 970 cepas cortadas nunha parcela de 7.000 metros cadrados en Barro e unhas perdas de ao redor de 120.000 euros. Ese é o resultado da "sabotaxe" que sufriu a cooperativa Moraima da DO Rías Baixas a pasada semana.
Co caso en mans da Garda Civil, os adegueiros piden agora colaboración cidadá para poder localizar aos responsables.
Desde Viña Moraima fixeron pública unha carta aberta ao "saboteador" na que fan un chamamento público a toda aquela persoa que "posúe algunha información que poida axudar á identificación" dos causantes do que cualifican como "atentado" no seu "tesouro vitivinícola".
Piden a toda persoa que teña información que contacte con eles ou coa Garda Civil, que investiga os feitos. Desde a Garda Civil confirman que o pasado sábado a cooperativa presentou denuncia polo ataque a 970 cepas e que están a investigar os feitos.
Este luns, ademais, formalizou denuncia a propietaria da leira. A cooperativa só a explotan e estaban actualmente tentando recuperala, mantendo as cepas vellas (algunhas delas centenarias) en produción existentes, e cunha nova plantación de albariño e caíño.
A adega detectou o ocorrido o venres e conclúe que a sabotaxe se produciu na noite do xoves 1 ao venres 2 de agosto, de modo que, ao suceder de noite, son conscientes de que "é complicado" localizar aos autores.
Así o recoñece Salomé Cancela, unha das socias. Explica que os socios detectaron primeiro follas en mal estado e pensaron que podería ser pola calor acumulada dos días anteriores, pero pronto viron que alguén cortara practicamente todas as cepas da parcela.
A carta pública da adega profunda neses danos. "Se o que querías era facernos dano, parabén, conseguíchelo. Podes estar satisfeito", recolle, á vez que indican que, desde o venres, "todos os que formamos parte de Viña Moraima estamos sen fala, co corazón encolleito, e unha dor que tardará moito en pasar".
"Non se trata só de que perdamos esta colleita, o cal xa de seu é unha perda importante para unha pequena adega como a nosa; senón tamén da imposibilidade total de recuperación da viña para os próximos anos", quéixanse na súa carta. Insisten en que as cepas antigas "son insubstituíbles e teñen (tiñan) un valor incalculable".