A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) pide axuda á cidadanía para identificar uns anaquiños de plásticos inxeridos por "Udra", unha tartaruga recollida hai dúas semanas por un barco no litoral da parroquia budetense de Beluso.
Nunha radiografía a Udra detectóuselle unha masa no interior do estómago. Posteriormente foi defecando máis de 30 pedazos de plástico, que comera.
O Cemma xa apelou hai uns anos á colaboración cidadá logrando identificar un plástico dun xeado a partir dunhas palabras impresas, e agora téntao de novo a ver se se repite aquel éxito.
Nun dos anaquiños do plástico pódese ler "....icionales me....", especúlase que poida corresponder á referencia dalgún alimento completando o texto "valores nutricionais medios".
A Rede de Varamentoes de Galicia conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, mediante o proxecto Revargal que é financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), e co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
O pasado mes de xaneiro esta Coordinadora difundiu a través de redes sociais unhas impactantes imaxes que mostraban a gran cantidade de plástico retirado do interior dun cifio varado na costa da Coruña.