Piden á Xunta a creación urxente de dúas prazas para tramitacións nos xulgados de Vilagarcía

O Salnés
06 de setembro 2018

Desde o sindicato AXG-CUT reclaman esta medida como paso previo á que consideran necesaria creación do xulgado de primeira Instancia e instrución número 4 de Vilagarcía

Documentación xudicial apíñase en celas e corredoiros dos Xulgados de Vilagarcía
Documentación xudicial apíñase en celas e corredoiros dos Xulgados de Vilagarcía

O sindicato AXG- CUT, a través do seu portavoz Pablo Valeiras, denuncia fortes cargas de traballo e unha situación de abondono dos xulgados de Vilagarcía, sobre todo no xulgado de primeira Instancia e Instrución número 1. 

Os inspectores do Consello Xeral do Poder Xudicial ( CGPJ) realizaron unha inspección en abril a este xulgado e emitiron un informe en que se recolle a existencia dunha "grave, profunda e deficiente" situación na oficina penal. Indican que hai 643 procedementos penais en trámite, 412 previas pendentes, 77 dos anos 2015 e anteriores. A iso hai que sumar dúas causas, unha con 48 tomos, que se tramita desde 2008 e outra de 56 tomos, desde 1999.

Esa inspección apuntaba tamén que a oficina xudicial atópase conxestionada e require a adopción de medidas urxentes de maneira inmediata. E o informe conclúe lembrando a necesidade de adoptar medidas de reforzo en materia de persoal. Pablo Valeiras afirma que a medida prioritaria para o CGPJ era nomear de dous funcionarios do Corpo de Tramitación Procesual con experiencia en penal por un período mínimo de seis meses.

Con todo, o sindicato quéixase de que a Dirección Xeral de Xustiza só prolongou a xornada dúas horas e media máis a dous traballadores. Ante esta situación esixen a creación de dúas prazas de reforzo do corpo de tramitación para o Xulgado de Vilagacía número 1.

Pero lembran que a solución de fronte ao futuro debe centrarse na creación do xulgado de primeira Instancia e Instrución no número 4 de Vilagarcía de Arousa.