Piden a Patrimonio que defina os criterios sobre as obras que deben solicitar a súa autorización

Pontevedra
23 de xullo 2014

A lexislación actual é "discrecional" e non está "suficientemente clara", segundo Antón Louro, xa que deixa en mans dos concellos a decisión de se o expediente require permiso patrimonial ou non. De aí que o Concello de Pontevedra, a instancias da Comisión de Urbanismo, pedise un informe á asesoría xurídica para "uniformizar" o criterio e remitilo posteriormente a Patrimonio para o seu visto e prace

Imaxe aérea do centro histórico de Pontevedra
Imaxe aérea do centro histórico de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Pontevedra é unha cidade de gran riqueza patrimonial. Non só por contar cun dos centros históricos mellor conservados de Galicia. Nela hai tamén, entre outros, dúas áreas declaradas Ben de Interese Cultural, a Basílica de Santa María e o Santuario da Peregrina, ducias de depósitos arqueolóxicos e case 160 elementos catalogados repartidos entre a zona urbana e as quince parroquias do rural.

Esta "enorme riqueza", destaca o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, é un "activo" para a cidade, pero afirma que "non debe lastrar" o seu desenvolvemento urbanístico". Sinala que as respectivas franxas de protección de cada un destes elementos patrimoniais supoñen un "galimatías", porque se se traslada ao mapa urbano de Pontevedra practicamente toda a cidade "estaría condicionada" por estes tesouros arquitectónicos.

E Patrimonio non axuda, porque segundo o edil socialista, a lexislación actual é "discrecional" e non está "suficientemente clara", xa que deixa en mans dos concellos a decisión de se o expediente require permiso patrimonial ou non. De aí que o Concello de Pontevedra, a instancias da Comisión de Urbanismo, pedise un informe á asesoría xurídica para "uniformizar" o criterio e remitilo posteriormente a Patrimonio para o seu visto e prace.

O obxectivo, explica Antón Louro, é dotar de seguridade xurídica os promotores e os técnicos do sector público e privado, rematando coa incerteza que, dixo, existe actualmente xa que por exemplo, "agora mesmo non está claro se se necesita un informe de Patrimonio para cambiar un azulexo" nun edificio anexo a un que está protexido". Búscase ademais dar a "máxima axilidade" aos trámites destas características.

Insistiu en que esta cuestión actualmente "causa confusión" nos técnicos municipais porque non está regulado que tipo de actuacións requiren informes de Patrimonio ou a franxa de protección en cada un dos elementos catalogados. Asegura que "non hai dúbida" no centro histórico, regulado polo Peprica, ou no BIC da Peregrina "pero si en Santa María, por exemplo,".

Unha vez conteste Patrimonio, a Comisión de Urbanismo volverá debater o asunto para establecer un criterio uniforme para todas estas actuacións.