Piden a Costas a desafectación dos terreos que ocupa a nave de Pontesa

Pontevedra
18 de maio 2017

O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, indicaba que o Concello de Pontevedra vai emitir un informe negativo porque o goberno local quere que estes terreos poidan recuperarse para uso público

Nave de Pontesa, en Ponte Sampaio
Nave de Pontesa, en Ponte Sampaio

A empresa propietaria da nave de Pontesa, a antiga fábrica de cerámicas Alfares, solicitou á Dirección Xeral de Costas do Estado a desafectación como dominio público marítimo terrestre dos terreos nos que se atopan estas instalacións, que pertencen ao Ministerio de Medio Ambiente.

O concelleiro de Ordenación do Territorio en Pontevedra, César Mosquera, indicaba que esta solicitude vén con motivo da finalización en 2018 da autorización para ocupar estes terreos situados na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio. 

Costas púxose en contacto co Concello para trasladarlle o expediente e solicitar un informe sobre esta solicitude. Mosquera anunciou que o goberno local informará desfavorablemente e no caso de que se desafecte porque Costas considera que é irrecuperable, o Concello quere empregar este espazo para o seu uso público e solicitaría a propiedade desta zona na que actualmente se atopa a nave sen actividade.

O concelleiro indicaba que, aínda que esta fábrica cesou o seu funcionamento en 2001, a empresa propietaria da nave pretende con esta solicitude manterse nestes terreos de máis de 29.000 metros cadrados e sacar algún proveito de carácter comercial ou fabril de cara o futuro.