Piden a asistencia masiva dos 1.900 residentes en Moraña citados para un cribado

Umia
03 de febreiro 2021

Luisa Piñeiro, delegada territorial, acudía este mércores á primeira das tres xornadas programadas para realizar as probas e detectar casos de persoas contaxiadas asintomáticas. Tamén asistían ao centro de saúde o xerente da área sanitaria José Ramón Gómez e o alcalde José Cela

Primeiro día do cribado masivo en Moraña / Consellería de Sanidade

Desde a Xunta de Galicia realízase un chamamento para que as persoas citadas en Moraña á realización dun cribado no centro de saúde de Moraña asistan a estas probas e permitan detectar aqueles casos de contaxios asintomáticos. 

Así o manifestaba Luisa Piñeiro, delegada territorial da Xunta en Pontevedra, durante a súa visita este mércores ata o centro de saúde onde se están realizando as probas nun dos municipios cunha das incidencias máis elevadas da provincia de Pontevedra.

O xerente da área sanitaria José Ramón Gómez e o alcalde de Moraña José Cela tamén se achegaban ata a instalación sanitaria e destacaban o esforzo que se está realizando para conter a pandemia a través destes cribados.

O municipio conta este mércores con 49 casos positivos e unha incidencia de 1.172 casos por cada 100.000 habitantes, sinalaba a delegada territorial da Xunta e anterior alcaldesa de Moraña reiterando a importancia da participación para cortar de  raiz os actuais niveis de  contagios que se detectan na zona.

A poboación diana está composta por 1.900 residentes, con idades comprendidas entre os 40 e os 79 anos. Esta selección realízase atendendo a criterios sanitarios e de relacións sociais e familiares do municipio. Piñeiro afirma que é necesario obter datos rápidos para proceder a realizar actuacións inmediatas. A convocatoria realízase a través de mensaxes sms.

Os controis prolongaranse durante tres días en sesións de tarde, a partir das 15.30 horas, a través de tres equipos de enfermería en cada quenda. Os resultados ofreceranse, como é habitual, por medio de mensaxe en caso negativo e por vía telefónica no caso de que se trate dun positivo.

Luisa Piñeiro insistiu á cidadanía en que o mellor é permanecer en casa, evitar as relacións sociais e saír unicamente para acudir ao traballo e ás tarefas imprescindibles.