A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a ter un "incremento progresivo" de pacientes con patoloxías respiratorias, que é especialmente importante desde hai dez días.
Así o confirma o xerente da área sanitaria, José Flores, que sinala que se trata dunha "situación contida" nestes momentos, con medio cento de pacientes ingresados nos hospitais Provincial e Montecelo.
O xerente confirma o incremento "máis ou menos ordenado" de pacientes, "sin ser preocupante de momento". Medran as persoas que van ás consultas de atención primaria e tamén as de urxencias e as hospitalizacións.
Segundo os responsables de saúde pública, agardan que durante as dúas próximas semanas se manteña esta situación.
O incremento leva medrando dez días, segundo o xerente, "coincidindo con estas reunións de tipo familiar" habituais durante o Nadal. Trátase dunha situación coñecida de anos pasados.
Nos hospitais pontevedreses están a rexistrarse unha media de medio centenar de ingresos diarios, dos que "moitos" teñen patoloxías respiratorias.
A área sanitaria pontevedresa "non somos a área que máis impacto ten", indica Flores, pero si que están a actuar.
Fontes oficiais da área sanitaria indican que ante o incremento da demanda asistencial, "a medida que é necesario", están a reforzar as diferentes quendas de profesionais dos servizos de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés e do Hospital do Salnés, "en aras de aliviar os picos de demanda que se veñen rexistrando".
Ademais, confirman que a área sanitaria dispón dun Plan de Inverno vixente, que buscas evitar as consecuencias máis graves debidas á infección, mellorar a accesibilidade a Urxencias coa redución dos tempos de espera, previr picos de demanda asistencial e minimizar o risco de transmisión hospitalaria.
No caso de Pontevedra e O Salnés, as dúas patoloxías respiratorias máis habituais este ano son a gripe B e o virus incital respiratorio.
José Flores explica que a campaña de vacinación específica deste virus indital respiratorio "diminúe o número de ingresos". Aínda que hai ingresos, son "menos graves".
A vacinación está a dar resultados e "minimiza os síntomas, evita ingresos, evita, por tanto, empeoramentos da situación clínica dos pacientes", por iso Flores recomenda a vacinación e tamén recomenda aos pacientes con cadros clínicos leves que eviten os desprazamentos e tamén acudir ao médico, actuando con antetérmicos tipo paracetamol.
"Todos os desprazamentos producen que os contaxios da población coa que temos contacto sexan máis fáciles", lembra, por iso é polo que recomenda evitalos.