Tourón (Ponte Caldelas), Chan dos Areeiros (Vilaboa), Mogor (Marín), Salcedo (Pontevedra), A Caeira (Poio), Fentáns (Cotobade) e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro compoñen a ruta de petógriflos que pretende promocionar a mancomunidade Terras de Pontevedra.
A través dun personaxe animado, chamado Petra, a mancomunidade creou unha guía para viaxar polos municipios da comarca, entre os ríos Verdugo e Lérez.
"Nace un pouquiño para guiar a todos aqueles visitantes que queiran afondar no noso patrimonio histórico e natural", explicou Anabel Gulías, concelleira no goberno local de Pontevedra, nun acto no que estiveron outros representantes de Terras de Pontevedra, como os alcaldes de Marín e Ponte Caldelas.
A intención é situarse como un destino de turismo cultural e tamén familiar.
Ademais Petra guiará a un grupo de oito blogueiros "referentes no mundo do turismo" convidados a completar a ruta dos petróglifos nun 'blogtrip' que se desenvolverá entre o 20 e 23 de setembro.