O grupo municipal do Partido Popular presentou unha moción que se debaterá en pleno reclamando ao goberno local a mellora do barrio da Parda para que acabe co "estado de abandono absoluto" desta zona da cidade.
Segundo sinalan, veciños e comerciantes mostraron a Rafa Domínguez a súa "decepción e fartura" porque o goberno municipal fai caso omiso ás súas obrigas en materia de conservación e mantemento dos espazos públicos.
Beatriz Rey, concelleira do PP, visitaba tamén os puntos críticos do barrio e, segundo manifesta, comprobaba a "falta de iluminación e limpeza" ofrecendo unha "sensación de inseguridade e insalubridade".
Engade que as beirarrúas presentan baldosas rotas e o asfalto conta con fochancas de gran tamaño provocando dificultades para o tránsito de vehículos.
Tamén indica que o lixo se almacena nos contedores durante días, xerando un problema de "proliferación de ratas, que fan necesario un servizo de desratización".
Reclamarán na moción unha solución aos apagamentos da iluminación pública, ademais de acondicionar as deficiencias do parque infantil fronte ao edificio dos xulgados e os accesos ás pistas deportivas de Maruxa Mallo.
A estes puntos, suman a reivindicación de maior presenza policial na Rúa Camposanto; cambiar a un sentido único de circulación a Rúa dás Pereiras; executar as beirarrúas que melloren a seguridade peonil da veciñanza; reordenar as prazas de aparcamento nas proximidades ao centro de saúde, crear máis zonas verdes e renovar o sinal do guindastre que, segundo os populares, atópase abandonada.