A situación das instalacións de conservación de estradas, que a Axencia Galega de Infraestruturas mantén na Xunqueira de Alba, debatíase este xoves na comisión do Parlamento de Galicia, ante a petición do traslado por parte do BNG, a través de Luís Bará, e do goberno local de Pontevedra desa estrutura.
Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas, remarcou a disposición do goberno galego de trasladar esas dependencias cando exista unha proposta por parte do Concello de Pontevedra con terreos e financiamento para que se acometa ese cambio. Ampárase en que é o goberno local quen promove esa actuación e así llo especificou nunha carta remitida ao Concello pontevedrés.
Lembrou, ademais, que #de acordo con a Lei 5/2019, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia; o Concello de Pontevedra é o responsable da xestión dese espazo natural de interese local (ENIL) e o promotor desas actuacións, ademais da administración competente na achega dos recursos necesarios.
Menéndez tamén expuxo durante a súa intervención que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non recibiu ningunha comunicación por parte de Costas do Estado sobre unha "suposta situación irregular" das instalacións pertencentes á Xunta, que foron transferidas polo Estado e que se atopan caracterizadas como Dominio Público Vial.
O representante da Consellería de Infraestruturas insistiu en que a Xunta, cando promove actuacións nas estradas da súa titularidade en Pontevedra, é quen as financia integramente. Do mesmo xeito, entende que o Concello de Pontevedra debe ser quen poña os medios necesarios para acometer este traslado da Xunqueira de Alba se o considera prioritario.