A onda de solidariedade cidadá xurdida a raiz da grave crise migratoria que se vive en Europa e, en especial, dos miles de refuxiados da guerra de Sirya puxo o foco de atención na Cidade Infantil Príncipe Felipe. Un cidadán creou unha petición na plataforma Change.org para reclamar a Deputación Provincial de Pontevedra que poña esas instalacións a disposición dos refuxiados sirios.
A petición está dirixida á presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, á que recorda que a Cidade Infantil Principe Felipe naceu no ano 1978 co fin de axudar aos nenos máis necesitados. Ante a situación actual que se vive en Europa, con miles de familias e nenos buscando un fogar lonxe dos terrores da fame e a guerra, consideran que o propio centro da parroquia de Mourente e as vivendas das que consta "poden utilizarse para acoller familias de refuxiados que foxen do terror da guerra civil siria".
A petición fala de que as vivendas da Cidade Infantil Príncipe Felipe están "infrautilizadas". Segundo os últimos datos feitos públicos pola Deputación Provincial, durante o curso 2015-2016 un total de 210 rapaces con problemas familiares ou en risco de exclusión social usarán as instalacións tanto en réxime interno coma a xeito de centro de día.
A petición tivo moi boa acollida entre os internautas pontevedreses. En tan só dúas horas activas, e sen apenas difusión, acadou 70 sinaturas.