Pescamar entra na "Champions League" dos produtos mundiais de calidade superior

Pontevedra
09 de xaneiro 2018

Este martes desenvolvíase o acto de presentación do Certificado de Calidade IFS Nivel Superior, concedido por AENOR, na sede da conserveira de Poio, coa presenza da directora xeral de Pescamar, Lupe Murillo; o alcalde de Poio, Luciano Sobral e os máximos representantes de AENOR Galicia

Pescamar obtén o Certificado de Calidade IFS Nivel Superior
Pescamar obtén o Certificado de Calidade IFS Nivel Superior / Mónica Patxot
Criterios para a obtención do Certificado de Calidade IFS Nivel Superior /

A directora xeral de Pescamar, Lupe Murillo, amosábase feliz este martes ao ter nas súas mans uns dos maiores recoñecementos internacionais para empresas de alimentación, o Certificado de Calidade IFS (International Featured Standards) Nivel Superior, que concede AENOR, tras someter á empresa conserveira a unha exhaustiva auditoría.

Este traballo certificou que cumpría co 97,65% dos estándares establecidos para obter este documento de excelencia que acredita internacionalmente a calidade dos produtos que se elaboran en Pescamar.

Martín Pita, director de AENOR Galicia, sinlaba a importancia destes certificados no mercado global no que se moven na actualidade os produtos destinados á alimentación. Ao longo dunha semana de análise, a entidade encargada da xestión do certificado comprobou que se cumprían todos os requerimentos do proceso produtivo, de instalacións ou de trazabilidade, entre outros.

Lupe Murillo, pola súa parte, indicaba que a preparación para obter este documento supuxo un esforzo, durante dous anos, por parte de todos os integrantes da empresa para trasladar ao papel o traballo que se realiza desde hai cincuenta anos na entidade conserveira. Simplemente, explicaron tanto Murillo como Pita, tratábase de adaptar o sistema de produción ás peticións reclamadas para acadar este importante documento que terá visibilidade nas caixas de conserva e que permitirá a Pescamar consolidarse en mercados de difícil acceso como Exipto ou Emiratos Árabes.

Pescamar manexa un volume de negocio que ronda os 60 millóns de euros anuais, cunha fábrica nos Azores e dous barcos atuneiros no Atlántico. Dá traballo a 180 empregados na contorna de Poio e de Pontevedra, ademais de contar con 120 operarios en Portugal, segundo explicaba a directora xeral da conserveira. A empresa dedícase a todos os produtos propios de conservas, pero con especial incidencia nos túnidos. O 20% da produción expórtase ao mercado internacional.

Lupe Murillo destacaba a importancia histórica da tradición de este sector facendo rererencia á salazón do século XVI nesta contorna da ría de Pontevedra e apuntou que este recoñecemento permitirá fortalecer a imaxe de Pescamar como marca de primeiro nivel e chegar a un maior número de mercados.

Pola súa parte, Martín Pita destacou que este certificado consolida á conserveira de Poio na "Champions league" da calidade alimentaria mundial. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, que tamén asistía á cita, amosou a súa satisfacción por este logro dunha empresa que é "símbolo da economía local" e felicitou tanto á dirección como ao persoal da conserveira por este novo éxito.