Galicia participa no proxecto europeo CleanAtlantic, destinado á loita contra o lixo mariño a través de traballos de prevención, eliminación, formación e concienciación nos diferentes sectores implicados.
Este martes o proxecto pechábase cunha intervención por videoconferencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana. A titular de Mar salientaba a importancia de involucrar aos profesionais nas accións de coidado e limpeza do medio mariño. Entre eles destacan os integrantes das confrarías de pescadores de Cambados e da Illa de Arousa, aos que se unen iniciativas desenvolvidas no colexio e o instituto da Illa de Arousa, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), o Parque Nacional das Illas Atlánticas ou Tecnopesc.
CleanAtlantic é un proxecto coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) que conta coa participación de 19 socios de Irlanda, Portugal, Francia, Reino Unido e España, ademais dos socios galegos dependentes da Consellería do Mar como o propio Cetmar e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e outros como o Centro Oceanográfico de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela.
A representante do Executivo galego salientou durante a xornada 'A loita contra o lixo mariño no Espazo Atlántico' que este tipo de traballos mostran a importancia dunha cooperación integral e subliñou que Galicia leva tempo traballando neste eido da man dos profesionais do mar.
Na actualidade está en marcha o Plan Marlimpo co obxectivo de protexer a biodiversidade e os ecosistemas mariños mediante a redución dos residuos presentes no mar en alianza cos traballadores do sector. Esta acción realízase recollendo e descargando nos portos os residuos que os profesionais atopan nos seus aparellos durante as súas xornadas de faena así como incentivando economicamente a recuperación de artes de pesca perdidas e a limpeza das zonas nas que hai unha maior acumulación.