Pesar pontevedrés polas vítimas do incendio no edificio de Valencia

Pontevedra
26 de febreiro 2024

No inicio do pleno municipal de Pontevedra gardábase este luns 26 un minuto de silencio en memoria das persoas falecidas e, ao mediodía, responsables e persoal da Deputación de Pontevedra tamén se concentraban nas escaleiras do Pazo Provincial para manifestar o seu respecto e amosar o seu agarimo polas persoas afectadas polo sinistro

Minuto de silencio no pleno municipal polas vítimas do incendio nun edificio de Valencia
Minuto de silencio no pleno municipal polas vítimas do incendio nun edificio de Valencia / Mónica Patxot

Pontevedra mostraba este luns a súa solidariedade e o seu pesar coas persoas falecidas e afectadas polo incendio que se rexistraba o xoves 22 na avenida do Maestro Rodrigo, no barrio de Campanar da cidade de Valencia.

Ás 11.00 horas, o Teatro Principal acollía o minuto de silencio que a corporación municipal gardaba en memoria das vítimas, antes de que se iniciase o pleno do mes de febreiro. 

Unha hora máis tarde, responsables políticos da Deputación de Pontevedra e tamén persoal da institución concentrábanse nas escaleiras do Pazo Provincial na avenida Montero Ríos coa intención de mostrar o seu agarimo e solidariedade desde a provincia coas persoas que resultaron afectadas pola terrible traxedia que se saldaba con dez falecementos.

Neste acto estivo presente o presidente provincial Luis López; ademais dos deputados Jorge Cubela, Sandra Bastos, Isabel Couselo e Javier Tourís.

Estas concentracións, tamén convocadas en concellos da contorna, realízanse porque tamén o Senado convocaba un minuto de silencio en Madrid este mediodía. Ademais, a Federación Española de Municipios e Provinciais instaba a todos os municipios de España a convocar un acto similar en todos os concellos españois.

Durante as últimas horas, operarios municipais de Valencia realizaban tarefas de limpeza coa retirada de residuos, cinza e outros elementos. A investigación atópase baixo secreto de sumario mentres a policía científica traballa no esclarecemento das causas do incendio.