Unha triste noticia sacudiu a todo o municipio de Cuntis. A fábrica de velas North Sails anunciou o peche da súa unidade produtiva e despedirá ás súas 26 traballadores.
A compañía estadounidense decidiu trasladar a súa produción a Asia e porá fin a un proxecto empresarial que levaba operativo preto de 50 anos, desde que fora creado alá por 1978 por Pedro Campos, presidente do Club Náutico de Sanxenxo.
A pesar dos intentos de mediación realizados desde o Concello de Cuntis, que chegaron a solicitar unha reunión cos responsables do grupo North Sails, non foi posible reverter esta decisión "puramente empresarial", sostén o alcalde, Manuel Campos.
A velería de Cuntis, situada no polígono da Ran, era un do sete centros de produción de North Sails no mundo, un do tres de Europa e o único que fabricaba velas en España.
Desde o goberno municipal lamentan esta decisión, máxime cando a compañía recibiu no seu momento axudas públicas para a modernización das súas instalacións.
Conscientes do impacto que esta medida terá nos traballadores e na economía local, o Concello de Cuntis asegura estar "a traballar activamente" cos propietarios da fábrica para explorar a implantación dunha nova actividade produtiva nesta unidade.
Ademais, reclamará ao Goberno central e á Xunta de Galicia que elaboren e implementen un plan de empregabilidade específico para todos os traballadores afectados por este peche.
Manuel Campos subliñou que o seu goberno non permanecerá "inactivo" ante esta situación e seguirá traballando para garantir o mantemento e a ampliación do emprego nas empresas do municipio, destacando que outras empresas do polígono están a ampliar a súa produción.
"Continuaremos realizando todos os esforzos posibles para mitigar as consecuencias deste peche e para fomentar a creación de novas oportunidades no municipio", sentenciou.