Que a Feira Franca é unha das datas máis importantes do calendario dos pontevedreses é un feito, pero detrás de cada detalle e cada traxe hai moito traballo e moitas persoas detrás.
É o caso dos participantes no obradoiro de persoas en risco de exclusión social, homes e mulleres de entre 30 e 65 anos que desde o mes de xaneiro ata hoxe estiveron confeccionando traxes e ambientación xeral para a festa.
"Neste curso a maioría dos tecidos os compramos, pero os complementos como cordas, paus e madeiras son reciclados", explicou Mucha, a encargada do taller, que indicou que nos 3 meses restantes do curso usarán os recursos restantes para recuperación e aproveitamento para mantas, colchas ou abrigos.
Este tipo de obradoiros "son importantes para a integración e adaptación ao camiño laboral" xa que se acostuman a "unha rutina e a uns horarios e ven o traballo final" implicándose "desde o minuto cero e facendo moi boa piña" entre todos eles.
É o caso deRaquel Gómez e Ana Isabel Mouro, dous alumnas do curso que "non tiñan nin idea" e pouco a pouco foron aprendendo ata facer os seus traxes. Para Raquel foi un traballo de superación, "estou aprendendo moitísimo, non pensaba chegar a algo tan bonito feito por nós. Aprendín o da máquina, que non tiña nin idea, e agora quero máis, facer patróns e ver un modelo e saber sacalo, pero todo leva o seu tempo". Aínda así, para ela o mellor é "ver os resultados dos meus compañeiros e estar aprendendo uns de outros".
O caso de Ana Isabel é parecido, "non sabía nada e fixen dous traxes preciosos", admitiu. Agora aproveita o que aprendeu no curso e usa a máquina de coser que ten na súa casa para "seguir aprendendo, non gastar e aforrar cartos".
Na presentación dos traxes, diante da Praza de España, estiveron, ademáis dos participantes no taller e varios familiares, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a edil de Benestar Social, Anabel Gulías, que valoraron a importancia que ten "a implicación da xente" para que a Feira Franca vaia adiante.
O obradoiro está subvencionado polo Concello de Pontevedra e nel traballan, ademáis de Mucha, Juan Luis González, o psicólogo de día, e Ángeles Penedo, a traballadora social.