Un grupo de integrantes da ONCE subiron a embarcacións tradicionais adaptadas para as persoas con discapacidade visual. Foi no peirao de Aguete, en Marín, dentro do programa Sentir o Mar, unha experiencia para achegarse ao mar cos sentidos.
O obxectivo desta actividade era trasladar á sociedade que as persoas con discapacidade visual poden gozar do mar dunha maneira completa.
Para iso, tiveron a axuda dunha publicación que amosa diversas formas de gozar do mar para persoas invidentes a través de maquetas e planos en relevo co nome das partes do barco en braille, entre outras.
A cada un dos participantes entregóuselle unha maqueta a escala da embarcación na que se navegaban para que recoñecesen as partes do barco dunha forma doada.
Ademais, recibiron unhas "láminas fuser" -planos impresos nun papel especial que despois de pasar por un forno de calor se converte nun relevo- que permiten completar a descrición do barco cos nomes de cada parte en braille.
Este libro, promovido pola Consellería do Mar e a Fundación ONCE, pretende ser unha guía de apoio a navegantes, formadores e familias que desexen probar formatos novos de inclusión social das persoas invidentes para acadar unha mellor comprensión e adaptación destas persoas ao mar con total accesibilidade a través da navegación tradicional.