Persoal técnico atenderá as consultas da veciñanza de Campelo polas obras na estrada EP-0601

Poio
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

As persoas interesadas poden solicitar cita chamando ao Concello de Poio, no teléfono 986 77 00 01. A Deputación adaptará o proxecto ás propostas dos veciños.

A estrada provincial EP-0601 en Campelo
A estrada provincial EP-0601 en Campelo / Concello de Poio

Técnicos do proxecto de humanización da EP-0601, entre Campelo e o entorno da Seara, estarán no espazo municipal deste lugar o martes, 2 de abril, para atender as dúbidas e escoitar as propostas dos veciños. As persoas interesadas deben solicitar cita chamando ao Concello, no teléfono 986 77 00 01.

O obxectivo desta reunión é escoitar as opinións das persoas que viven no lugar. Así se acordou na reunión que mantiveron hai uns días cos veciños o alcalde, Ángel Moldes, e a deputada provincial de Infraestruturas e Mobilidade, Isabel Couselo, na que ensinaron o proxecto redactado en 2022, pero que, a petición do alcalde, o actual goberno da Deputación está disposto a asumir os custos extras da modificación para adaptalo ás necesidades reais e propostas dos veciños.

Concretamente, as principais dúbidas radican nunha rotonda e a alternativa que se propón para o sentido único de circulación, xa que tal e como está o proxecto redactado desvía o tráfico polo camiño dos Mouchos, unha vía que non ten capacidade para asumir ese fluxo de coches.

Require un investimento de 3 millóns de euros, e afecta a un tramo de 1,8m de lonxitude. Inclúe reforma da contorna da Praza da Granxa, sendas de 2,5 metros de ancho, soterramento de instalacións e definicións de prazas de aparcamento. Ademais, inclúe sentido único entre a saída da praza da Granxa e o camiño dos Mouchos, onde prevé crear unha rotonda para desviar o tráfico inverso cara Campelo por ese camiño municipal.