Persoal do centro de saúde de Lérez realizará probas de tensión arterial, glicemia e peso diante do Mercado

Pontevedra
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Está prevista a instalación dunha carpa para este xoves 14 de marzo diante da Praza de Abastos de Pontevedra coincidindo coa Xornada Europea para a Prevención do Risco Cardiovascular

Toma de tensión arterial
Toma de tensión arterial / SERGAS

Este xoves 14 de marzo está previsto que o centro de saúde de Lérez instale unha carpa fronte ao Mercado de Abastos de Pontevedra con motivo da Xornada Europea para a Prevención do Risco Cardiovascular.

Profesionais de Atención Primaria deste centro de saúde realizarán a partir das 11.00 horas probas de tensión arterial, de glicemia e de peso.

Transmitirán consellos de prevención e control dos factores que inflúen na saúde cardiovascular e as pautas para evitar problemas.

A proposta pretende sensibilizar á cidadanía sobre unhas enfermidades que están consideradas as principais causantes de morte tanto en datos mundiais como estatais.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, estas doenzas provocan preto de 18 millóns de falecementos cada ano.

O persoal de Atención Primaria do centro de saúde de Lérez indica que as enfermidades cardiovasculares constitúen unha epidemia e un reto que se debe combater con educación, prevención e investigación.

A achega desde Atención Primaria céntrase en educar a poboación, promovendo hábitos de vida saudable desde a infancia e que se consolide nas seguintes.

Lembran que o tabaquismo, o sedentarismo, a obesidade, o estrés e a mala alimentación son factores de risco.