A Plataforma SOS Sanidade Pública de Sanxenxo denunciou a situación de precariedade do persoal do centro de saúde de Baltar, que alerta da falta de uniformes desde fai un par de semanas.
A portavoz da plataforma, Ana Belén Fernández Camiña, advirte da "falta de hixiene" que supón a falta de roupa, así como da "importante escaseza de persoal", que, denuncia, tamén se produce no consultorio de Vilalonga.
"Ademais de atoparse minguados de persoal debido a baixas, tanto no Centro de Saúde de Vilalonga como no de Baltar non cobren ausencias nin de enfermería nin de facultativos", manifesta.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo sinala que está situación débese á privatización deste servizo.
"Tras ver como se escatiman os recursos precisos para unha atención digna, tanto en persoal como material ou servizos, agora tamén se está sufrindo que a empresa encargada de recoller e devolver limpas e desinfectadas o vestiario e roupas usadas na Atención Primaria no centro de saúde de Baltar, non cumpra coa súa función", apuntan.