Persoal de Montecelo critica que se coloquen pacientes con coronavirus en habitacións compartidas pese a ter cuartos libres

08 de abril 2020

Os profesionais sanitarios critican que se están adoptando medidas que só se xustificarían en caso de colapso. A última, ingresar a pacientes con  Covid-19 en cuartos dobres, co consecuente risco para pacientes e traballadores, desatendendo os protocolos e as queixas de traballadores e enfermos 

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Diego Torrado

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés eludiu, ata o momento, o colapso por mor da pandemia do coronavirus e, a pesar de que os datos máis actualizados de contagios contabilizan 475 positivos desde o inicio da pandemia, os pacientes ingresados non chegaron a desbordar os recursos dispoñibles. A pesar desta situación, os profesionais sanitarios critican que se están adoptando medidas que só se xustificarían en caso de colapso. A última, ingresar a pacientes con Covid-19 en cuartos dobres, co consecuente risco para pacientes e traballadores.

"Esta tarde hai dous cuartos dobres con pacientes de Covid-19", asegurou unha enfermeira a PontevedraViva este mércores. A situación vívese, en concreto, na planta quinta do Hospital Montecelo. Os dous primeiros pacientes foron postos en cuarto dobre o martes e, a pesar da oposición tanto do persoal como dos propios pacientes, este mércores seguiuse con esta política.

A citada enfermeira critica esta decisión porque se decidiu xuntar aos pacientes a pesar de que nesa mesma planta hai habitacións baleiras, que permitirían separalos, e porque incumpre todas as recomendacións realizadas ata o momento nas guías prácticas para abordar a enfermidade e os protocolos dos comités de seguridade laboral. 

Respecto diso, desde a asociación Prosagap indicaron este mércores que todas as guías recomendan que mentres sexa posible o ingreso dun paciente con coronavirus debe facerse nun cuarto individual pechado, e que no Comité de Seguridade e Saúde afirmouse que só se procedería a ingresar en cuartos dobres en caso de colapso. A pesar diso, critican que este martes, tal e como sinala a citada enfermeira, fíxose un ingreso en habitación compartida habendo camas libres dispoñibles.

No caso da planta quinta de Montecelo, habitualmente dedicada a Cirurxía, púxose en cuartos dobres a pacientes que están a ser derivados doutras plantas do hospital como, por exemplo, Dixestivo. Segundo os profesionais sanitarios consultados por PontevedraViva, nas últimas semanas a presión asistencial levara a repartir pacientes con coronavirus por distintas plantas do hospital e nos últimos días descendeu o número de pacientes positivos, de modo que se optou por ir xuntándoos todos nunhas poucas plantas e deixar o resto libres para outro tipo de pacientes. 

Esta política non a discuten os profesionais sanitarios, pero si que cuestionan que se estean desatendendo os protocolos ao xuntar aos pacientes e que a medida, ademais, "é perigosa para os traballadores e para os pacientes"

Así, alertan do "risco que supón para nós, que saímos máis contaminadas desta habitación", e tamén de que, por seguridade, optouse por retirar as cortinas que adoitan separar as camas en cuartos dobres porque son unha superficie máis que aumenta o perigo de contaxio e, ao xuntar a dous pacientes, está a vulnerarse a súa propia intimidade. 

Estas mesmas fontes indicaron que os profesionais sanitarios queixáronse, pero as súas críticas non foron escoitadas e remíteselles a unha reunión o vindeiro luns coa xerencia do hospital. 

Tamén se queixou sen éxito un paciente ao que o martes se puxo en cuarto dobre. Pediu que lle pasasen a unha individual e, #ante a negativa dos responsables do hospital, este mércores pediu a alta voluntaria para irse á súa casa. 

Fuentes oficiais da área sanitaria confirman a PontevedraViva que se están xuntando pacientes e alegan que en moitos hospitais están a xuntarse para minimizar riscos de traballadores e non ter pacientes positivos por todas partes no hospital. Dado que son xa pacientes infectados, non pasa nada, argumentan. 

Ademais, engaden que "non é bo ter pacientes con esta patoloxía en diversas zonas, así se preserva a seguridade profesionais e gáñase eficiencia no uso dos EPI,s...". Ademais, aseguran que psicoloxicamente é bo para os pacientes

De momento, tan só hai cuartos dobres con pacientes positivos na quinta planta, no resto de Montecelo seguen todos en cuartos individuais.