Decenas de traballadores partían este mércores pasada a medianoite en autobuses que saían da contorna do Pavillón dos Deportes para participar na manifestación convocada polo comité de empresa en Madrid a partir das 11.00 horas en defensa dos seus postos de traballo.
A marcha está previsto que se inicie ás 11.00 horas da mañá na rúa Ferraz, ante a sede do Partido Socialista. Unha vez concentrados neste punto, os traballadores iniciarán unha marcha ata o Congreso dos Deputados.
Con esta mobilización, o comité de empresa liderado por Comisións Obreiras, quere demostrar a súa oposición á decisión da Avogacía do Estado de non opoñerse ao recurso presentado polo Concello de Pontevedra en relación á prórroga de 60 anos para que a fábrica permaneza na ría de Pontevedra concedida, no seu momento, polo goberno en funcións do Partido Popular con Mariano Rajoy á fronte.
Desde o comité de empresa entenden que o Partido Socialista é o principal responsable desta decisión da Avogacía do Estado e con esta protesta queren mostrar a preocupación que existe entre o persoal tanto da empresa pasteira como das empresas adxacentes ante o seu futuro, ao considerar que a dirección de Ence deixará de investir na fábrica ao non ver garantido o seu futuro en Lourizán.
Entre os colectivos que se sumaron a esta protesta atópanse preto de 300 transportistas de madeira. Ao redor dun centenar de camións saían este mércores de Begonte en Lugo e do polígono industrial de Benavente para pernoitar en San Vicente del Palacio en Valladolid. Estes vehículos non poderán acceder ao centro de Madrid, como inicialmente estaba previsto, por decisión da Delegación do Goberno de Madrid.
Una pequeña avanzada de vehículos ligeros y camioneros ha llegado hasta las puertas de la sede del @PSOE en Ferraz, el resto de la caravana #ENCENOSECIERRA prosigue la ruta prevista. pic.twitter.com/OVA8q13Qki
— Trabajadores auxiliares ENCE (@CeaPontevedra) November 7, 2019
A marcha estará apoiada por traballadores de todo o Grupo Ence. Desta forma, ademais dos traballadores de Pontevedra, tamén acudirán representantes da factoría de Navia e das oficinas centrais de Madrid.