Persoal da delegación da Xunta de Galicia conmemora o '8 de marzo, 365 días pola igualdade'

Pontevedra
08 de marzo 2019

Este Día Internacional da Muller celebrábase un acto presidido pola secretaria territorial, Ana Ortiz, quen destacou o compromiso da Xunta en "seguir traballando para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva" e na loita por erradicar todas as formas de violencia sobre a muller

Concentración con motivo do 8M ante a Delegación da Xunta en Pontevedra
Concentración con motivo do 8M ante a Delegación da Xunta en Pontevedra / Xunta de Galicia

'8 de marzo, 365 días pola igualdade' é o lema utilizado pola Xunta de Galicia para conmemorar o Día Internacional da Muller. Este venres, persoal da delegación territorial da administración autonómica concentrábase nas proximidades ao edificio de Campolongo.

Ana Ortiz, secretaria territorial da Xunta destacaba o compromiso da administración autonómica en seguir traballando para que a igualdade entre mulleres e homes sexa real e efectiva en todos os ámbitos e na loita pola erradicación de todas as formas de violencia sobre a muller.

Desde a administración autonómica avógase por un cambio cultural e de valores que modifique as actitudes e que se busque conciliar a vida persoal, familiar e laboral e a  corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar. Neste sentido, Ana Ortiz centrouse na desigual repartición das responsabilidades familiares e das tarefas do fogar, que evitou a participación, a permanencia e a promoción das mulleres na esfera laboral.

Fixo tamén un chamamento á loita para terminar co "teito de cristal", ao entender que se trata dunha segregación horizontal no mercado de traballo. Desde a Xunta apostan por un consenso institucional, político e social para mostrar o compromiso das institucións coa sociedade para avanzar ata lograr a igualdade.