O comportamento atípico dos virus respiratorios neste 2025, especialmente o da gripe A, provoca que a ocupación hospitalaria se sitúe arredor do 95% das camas dispoñibles nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
O xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores, confirmou este mércores que a ocupación hospitalaria mantense en niveis moi elevados: "A día de hoxe estamos practicamente rozando o 95-96% da hospitalización neste momento, pero si que é verdade que hoxe mellorou un pouco".
Segundo explicou Flores, a situación responde a un comportamento atípico dos virus respiratorios este ano, especialmente a gripe A, que continúa afectando á poboación "de forma anormal nesta época".
"Aínda que non tivemos ese pico de impacto tan brutal nunha época concreta, sostivémolo con menos impacto, pero durante moito máis tempo", sinalou o xerente, quen destacou que este fenómeno é común en toda Galicia, con excepcións como Ferrol ou Lugo.
Flores tamén apuntou ao aumento de pacientes con patoloxías crónicas que presentan complicacións, o que deriva en ingresos máis prolongados. "Persoas que antes podían recibir o alta desde urxencias agora necesitan un ingreso, e estancias que antes duraban 7 días poden alargarse ata o dobre", explicou.
Para facer fronte a esta situación, a área sanitaria despregou medidas extraordinarias como a apertura do espazo denominado "M3" no Hospital Provincial, unha planta interna que permanece operativa desde finais de 2024.

A pesar da alta ocupación, Flores descartou o risco de colapso, asegurando que aínda dispoñen de espazos adicionais que poderían habilitarse en caso necesario. Polo momento, non se contemplan desvíos de pacientes nin suspensión de intervencións cirúrxicas.
"De momento, mantemos a actividade cirúrxica plena, tanto o que é autoconcertación como a actividade ordinaria cirúrxica, igual que consultas e probas", indicou José Flores.
CASO DE TUBERCULOSE
Respecto ao caso de tuberculose detectado en Sanxenxo, o xerente confirmou que está "perfectamente controlado e contido".
Expuxo que a situación se orixinou a partir dun paciente migrante procedente de Mérida e que foi aloxado en Sanxenxo.
En todo caso, indicou que non se produciron hospitalizacións, o paciente está tratado e a situación permanece baixo control.
Sinalou que nesta xornada se realizou o cribado a 70 persoas da súa contorna e mañá continuará con outras 22 máis, pero descartou que se trate dun brote de tuberculose xa que, polo momento, non hai dous casos relacionados entre si.