O Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra fai público un recoñecemento do sector da construción na provincia, de acordo aos datos recompilados durante o pasado exercicio e igualmente dá a súa previsión de comportamento para este 2024.
Das recensións que extraen correspondentes ao ano 2023, resolven que dous de cada tres proxectos desenvolvidos en Pontevedra capital e a súa contorna foron de rehabilitación de vivendas; isto é, dos 933 desenvolvidos no último ano, 614 corresponderon a rehabilitación. O total anual de expedientes rexistrou un aumento do 2% respecto ao ano 2022.
En opinión dos directivos deste Colexio, traballan "nun sector moi dinámico e percibimos que hai actividade, que hai proxectos a curto e medio prazo, que os promotores están a desenvolver novas iniciativas e que moitos propietarios están a animarse a acometer proxectos de rehabilitación das súas vivendas”, segundo palabras do seu presidente, Manuel Rañó. O delegado de Coatpo para a capital da provincia, Ricardo Sobral, engadía que o 2023 “foi un bo ano, un exercicio óptimo para o sector da construción” tanto nesta cidade como na súa contorna.
Con todo, para este 2024 mostran certa contención nas súas previsións polas seguintes circunstancias: falta de man de obra cualificada, encarecemento do prezo dos materiais básicos para a construción e a subida dos tipos de interese do Banco Central Europeo. En canto ao primeiro aspecto, a falta de cualificación, non é unha dificultade nova, senón que vén prolongando no tempo e "dificulta a execución de moitos proxectos na provincia; esta situación xeneralizada exerce de freo para o crecemento da construción”, lamentan.
Nun exemplo con cifras, de acordo aos orzamentos correspondentes aos expedientes de dirección de obras (traballos de supervisión, control económico, material e correcta execución dun proxecto) tramitados na área de Pontevedra durante o ano pasado, supuxeron 196 millóns de euros, 67 millóns máis que no ano 2022.