Persianas baixadas no Crespo Rivas pola falta de conserxe

Pontevedra
05 de decembro 2017

O colexio está sen este profesional desde o 23 de novembro e a dirección responsabiliza ao Concello. A concelleira de Educación asegura que non está de brazos cruzados, nin moito menos, ante esta situación, pero a substitución require trámites que están a realizar. Esperan que a próxima semana estea solucionado 

Persianas baixadas no Crespo Rivas para protestar pola falta de conserxe
Persianas baixadas no Crespo Rivas para protestar pola falta de conserxe / Mónica Patxot

A comunidade educativa do colexio Crespo Rivas de Pontevedra fixo público este luns o seu malestar pola falta de conserxe no centro e, a modo de protesta, os profesores deron clase coas persianas baixada, pois é unha tarefa que ten habitualmente asignada este traballador e, na súa ausencia, obriga a un esfuezo a maiores ao resto de traballadores. 

A directora do centro, Ana Malvar, explicou que levan sen conserxe desde o 23 de novembro e non saben cando o substituirán, de modo que decidiron protestar desta forma para facer público o seu malestar, do que responsabilizan ao Concello de Pontevedra, pois se trata dun "servizo público" responsabilidade da administración local. 

Respecto diso, a concelleira de Educación, Carmen Fouces, explicou que o Concello non está de brazos cruzados, nin moito menos, ante esta situación, da que teñen coñecemento a través da propia dirección do centro, pero substituír ao conserxe que está de baixa é unha cuestión administrativa na que se atoparon con varios escollos. En todo caso, esperan que a próxima semana estea solucionado

Fouces asegura que comprende a preocupación que a falta de conserxe pode xerar entre a comunidade educativa, pois neste centro hai alumnos moi pequenos, pero aseguran que os nenos están ben atendidos igualmente. 

A directora do Crespo Rivas quéixase de que o ano pasado xa estiveron tamén un mes sen conserxe e decidiu facer pública a situación para evitar que este curso académico volva prolongarse a situación. Respecto diso, cabe apuntar que este traballador estivo o curso pasado un ano de baixa e, ao incorporarse, colleu as vacacións que lle correspondían. Cando se incorporou ao traballo, tras varios días de actividade, colleu de novo a baixa. 

O Concello está a xestionar a contratación dun substituto para cubrir esa baixa, pero non se trata dun trámite inmediato, senón que durante o tempo que estivo de vacacións a lexislación laboral non lle permitía contratar a ninguén e agora que está de baixa os trámites levan o seu tempo.