O director xeral de Tráfico, Pere Navarro, recibiu este martes ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa condición de presidente da rede de Cidades que Camiñan.
Este encontro enmárcase na rolda de contactos que Navarro está a levar a cabo con diversos colectivos para deseñar medidas a favor de peón, como as xa aplicadas en Pontevedra. Neste sentido, o director xeral de Tráfico mostrou especial interese pola experiencia pontevedresa co sistema de estacionamento de servizos.
Este sistema de aparcadoiro permite 15 minutos gratuítos para realizar calquera servizo ou xestión na que o coche sexa imprescindible, o que, segundo explicou o alcalde, reduce considerablemente a densidade de autos nas rúas e prazas urbanas, liberando o espazo e axilizando o tráfico a motor que resulta necesario para a calidade de vida dos residentes, o abastecemento dos negocios, reparticións ou urxencias, entre outros usos.
Ademais de Pere Navarro e Fernández Lores, na reunión tamén participaron a secretaría técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán e dúas dos principais colaboradores do director xeral de Tráfico, Miguel Villalba e Álvaro Gómez.
Segundo informou nun comunicado de prensa o gabinete de comunicación do Concello de Pontevedra, neste encontro todos coincidiron no diagnóstico de que o exceso de coches nas cidades é o principal freo á mellora do espazo público e a seguridade viaria.
En nome da rede de Cidades que Camiñan, Fernández Lores expresou a súa vontade de colaborar coa DXT nas reformas legais necesarias para a consideración do peón como protagonista principal do espazo público urbano, "limitando o espazo urbano motorizado exclusivamente aos usos necesarios para que a cidade funcione", e deixando para os peóns os espazos que agora ocupan os coches "que inutilmente invaden as cidades".
Segundo estas mesmas fontes, o director xeral sinalou que camiñar é o sistema de desprazamento que máis adeptos gana na actualidade, de tal maneira que está a crear tendencia en canto á mobilidade, e para iso hai que mellorar moitas cousas nas cidades, como os sistemas de aparcadoiro e as velocidades.
Neste sentido, considerou que a recente normativa de reducir a velocidade a 30 km/h máximo a maioría das vías urbanas era "o primeiro paso", necesario para chegar a conseguir as "cidades 30" que reclama a Rede.
Pere Navarro tamén mostrou o apoio á Rede en canto á consideración da beirarrúa como un espazo exclusivamente peonil, na que non deben estacionar motos ou circular dispositivos de desprazamento motorizado ou patinetes que podan supoñer un perigo para quen camiña.
Diferente consideración poden ter as rúas de tráfico compartido entre distintos modos, espazos que deben garantir sempre a prioridade peonil.
En canto aos carrís bici ambas as partes consideraron que non son precisos en espazos urbanos co tráfico acougado e limitado a 30 km/h, xa que a bicicleta pode circular pola calzada sen riscos. En canto aos carrís bici en espazos sen limitacións de 30, sinalan que non deben compartir a beirarrúa limitando espazo peonil.