Percorrendo 'a cegas' as rúas de Pontevedra

Pontevedra
03 de decembro 2023

Representantes do Partido Popular de Pontevedra realizaron un percorrido pola cidade xunto a persoal do Centro de Recursos Educativos da ONCE utlizando antefaces e bastóns para mostrar os obstáculos aos que se enfrontan a diario as persoas con discapacidade visual

Percorrido a cegas da ONCE pola cidade polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Percorrido a cegas da ONCE pola cidade polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade / Cristina Saiz

Representantes do Partido Popular de Pontevedra protagonizaron este domingo 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, un curioso paseo polas rúas de Pontevedra para visibilizar os obstáculos que atopan a diario as persoas con cegueira ou discapacidade visual.

Acompañados de persoal do Centro de Recursos Educativos da ONCE, realizaron un percorrido a cegas, cos ollos tapados con antefaces e usando bastóns cedidos polo propia ONCE.

Silvia Junco, responsable da área de Servizos Sociais no PP de Pontevedra, criticou ante este acto reivindicativo que "o BNG e o PSOE apoiaron a nosa moción pero ignoraron a proposta para que, este domingo, aproveitando o Día das Persoas con Discapacidade, concelleiros de distintas cores políticas lanzásemos unha mensaxe de unidade e inclusión cara ás persoas cegas e con discapacidade".

O roteiro a cegas iniciouse no cruzamento de Eduardo Pondal con Uxío Nononeyra enfrontándose "a varios retos, en forma de obstáculos, que serían de menor impacto na vida das persoas con discapacidade se o goberno local tivese escoitado e atendido as reivindicacións dos colectivos afectados, antes de realizar obras que dificultan os seus desprazamentos", defendeu Junco.