Peque González será a candidata de Marea Galeguista por Pontevedra

Pontevedra
08 de xuño 2020

Unha nova candidatura vaise a presentar ás próximas eleccións galegas. Trátase de Marea Galeguista, unha coalición integrada por En Marea, Compromiso por Galicia, o Partido Galeguista e mareas municipalistas de todo o país

Peque González e Luís Villares
Peque González e Luís Villares / PontevedraViva

Unha nova candidatura vaise a presentar ás próximas eleccións galegas. Trátase de Marea Galeguista, unha coalición integrada por En Marea, Compromiso por Galicia, o Partido Galeguista e mareas municipalistas de todo o país.

O seu candidato á presidencia da Xunta será Pancho Casal, deputado por En Marea no Parlamento galego durante a última lexislatura.

Pola provincia de Pontevedra, segundo avanzou a formación este luns, a candidatura estará encabezada pola pontevedresa Peque González, coordinadora de Marea Pontevedra.

Tras a súa elección, González destacou que a súa coalición quere "mirar cara adiante" e ser parte da construción dunha nova normalidade "que desexamos xusta en termos feministas, sociais e ambientais".

Así, avanzou que é "imprescindible" que os principais investimentos do goberno galego sexan para fornecer os servizos públicos, tanto na sanidade na educación ou nos servizos sociais. 

Peque González é mestra en Pontevedra. Dunha familia de tradición republicana e galeguista, é licenciada en Psicoloxía pola USC e traballou toda a vida na educación pública.

Segundo destaca a Marea Galeguista, ela participou na posta en funcionamento dos primeiros comedores escolares na escola pública de Galicia e colaborou en distintos proxectos de innovación educativa.