Pepe Vieira proxecta converter o seu restaurante de Raxó nun Hotel da Natureza

Poio
01 de xuño 2017

O chef pontevedrés Pepe Vieira, posuidor dunha Estrela Michelín, decidiu reinventar o seu negocio hostaleiro en Raxó (Poio). Sen deixar de apostar polo seu coñecido restaurante, presentou unha iniciativa para converter todo este complexo nun Hotel da Natureza

Restaurante de Pepe Vieira en Camiño da Serpe (Raxó)
Restaurante de Pepe Vieira en Camiño da Serpe (Raxó)

O chef pontevedrés Pepe Vieira, posuidor dunha Estrela Michelín, decidiu reinventar o seu negocio hostaleiro en Raxó (Poio). Sen deixar de apostar polo seu coñecido restaurante, presentou unha iniciativa para converter todo este complexo nun Hotel da Natureza.

Así consta no proxecto, presentado ante o Concello de Poio e remitido á Xunta de Galicia para que emita un informe ambiental. Antes, o plan especial de infraestruturas e dotacións para a construción do hotel estará dous meses a exposición pública.

A proposta describe un hotel formado por edificacións independentes, interconectadas entre si por espazos exteriores de relación e esparexemento, que conforman plataformas a distintas cotas, adaptándose ao terreo natural.

En concreto, o hotel estaría situado na lomba do outeiro que rodea ao restaurante, buscando a integración e o menor impacto sobre a contorna.

Integraríano 14 cabanas ou bungalows que seguirán a liña arquitectónica do actual restaurante, situado nun edificio de servizos de 1.548 metros cadrados, repartidos en dúas plantas e un soto. Ademais, prevese a construción dunha piscina, unha zona de cultivo de alimentos e horto e unha maior área de aparcadoiro, entre outros equipamentos.

Estes aloxamentos, segundo consta no proxecto, serán módulos prefabricados con formigón de cor branca.

Estarán deseñados baixo a premisa de proporcionar unha estancia na natureza, interactuando co xardín, no que a persoa aloxada sentirá parte da contorna, convertendo a estancia nunha experiencia de vida, na que tomarán importancia as sensacións, as texturas, os aromas, a luz, os sons, as estacións, a choiva ou o vento.

Esta área global de uso hostaleiro ocuparía os case 13.000 metros cadrados da finca que posúe Pepe Vieira en Camiño da Serpe (Raxó), permitindo ademais que o restaurante siga tendo un uso independente ao resto do complexo.

O orzamento global para toda esta actuación alcanza os 472.902 euros.