A duodécima edición do Festival PortAmérica anunciou unha nova selección de chefs que se sumarán ao aclamado ShowRocking, unha experiencia gastronómica única que contará coa participación de máis de 30 chefs recoñecidos, incluíndo 18 Estrelas Michelin e 4 Estrelas Verdes entre os confirmados.
Edorta Lamo, Rocío Parra, Fabián Delgado, Dani Carnero e Marcos Morán son algúns dos chefs recentemente anunciados que se unen a nomes como Javi Olleros, Diego Guerrero, Begoña Rodrigo, Luis Lera e Maca de Castro.
Baixo a dirección de Pepe Solla, estes talentosos chefs ofrecerán unha degustación de máis de 20.000 petiscos a prezos populares, elaborados especialmente para o evento. Así, o Festival PortAmérica consolídase unha vez máis como a maior cociña efémera do mundo fusionando música e gastronomía.
O toque doce estará asegurado novamente na selección de Pastelería, da man dalgúns dos mellores profesionais reposteiros, como os recentemente anunciados Pía Salazar, Fátima Gismero, Ana García e Guille Moscoso. Tampouco faltarán as actuacións sorpresa no escenario do ShowRocking, onde xa se pasaron artistas como Xoel López, Iván Ferreiro, Alice Wonder ou Grande Amore.
Este novo elenco de chefs presentouse este mércores en Madrid nun evento promovido por Cervezas 1906. A rolda de prensa contou coa participación de Kin Martínez, director do festival PortAmérica e de Esmerarte Industrias Creativas, Ramón de Meer, Marketing Manager de Hijos de Rivera e Diego Guerrero, chef de DStage e participante do PortAmérica 2024.
O peche da presentación correu a cargo da actuación da artista canaria Marilia Monzón, quen tamén actuará nesta edición.