Como "absolutamente necesaria" definen no Partido Popular a modificación do plan especial de protección de reforma interior e conservación artística (Peprica) do centro histórico de Pontevedra. Consideran que é un plan "obsoleto" que non responde as necesidades actuais.
A edil Pepa Pardo presentará unha moción no próximo pleno para pedir a modificación urxente deste plan, en colaboración co Colexio de Arquitectos, de forma que que "permita conciliar os dereitos dos veciños do centro histórico coa hostalería e o lecer nocturno".
Pardo considera que a modificación do Peprica é un "clamor" porque, ademais de ser necesaria para dar seguridade ao lecer nocturno e á hostalería, supoñería un "trato igualitario" para os veciños da zona histórica co Concello tras "múltiples e variadas" modificacións puntuais.
"O goberno local non pode ser alleo ao peche continuo de locais de lecer nocturno", sinalou a concelleira popular, unha vaga de clausuras "que xerou un gran malestar no sector e reduciu, considerablemente, o ambiente que había nas rúas".
Lembra que hai moitos empresarios de Pontevedra que, tras investir gran parte dos seus aforros en mellorar os seus pubs, pola aplicación do Peprica, "pesa sobre eles unha orde de peche inmediato", polo que reclama unha "solución urxente" para esta problemática.
O PP espera que a moción reciba o voto favorable do BNG e do PSOE que, en campaña electoral, "prometeron buscar unha solución aos problemas que se estaban expondo na zona monumental" e, especialmente, porque "responde as necesidades dos pontevedreses".