Pepa Bueno, Ana Romaní e Tareixa Navaza, xornalistas de referencia en 'As mulleres que opinan son perigosas'

Pontevedra
14 de febreiro 2019

A presidenta da Deputación Carmela Silva; o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e as xornalistas Diana López e Susana Pedreira presentaban este xoves o segundo Encontro que se vai celebrar o venres 1 e o sábado 2 de marzo

Presentación do II Encontro 'As mulleres que opinan son perigosas'
Presentación do II Encontro 'As mulleres que opinan son perigosas' / Almudena Dapena

Nomes como o da xornalista directora de Hoy por Hoy da Cadena SEr, Pepa Bueno; a doutora en Filoloxía e opinadora de El País, Marta Sanz; a xornalista da CRTVG e Premio Nacional de Xornalismo cultural 2018, Ana Romaní son algunhas das principais protagonistas do segundo Encontro 'As mulleres que opinan son perigosas', unha cita de mulleres da comunicación que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra os días 1 e 2 de marzo.

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e as xornalistas Susana Pedreira e Diana López, organizadoras do evento, presentaban este xoves a nova edició ndesta cita que xurdiu en 2017 como resposta ao Congreso de Capital do Columnismo celebrado en león, que só contaba con homes como ponentes. Nesta ocasión serán 15 mulleres xornalistas de relevancia, que entre todas suman preto de medio millón de seguidores en Twitter, as que participarán nesta actividade. Ademais das xa citadas ofrecerán a súa visión sobre a presenza da muller nos medios de comunicación e na sociedade xornalistas como Chus Gómez Dorrego, Lorena G. Maldonado, María Xosé Porteiro, Gemma Herrero, Carmen Magdaleno, Ana Requena Aguilar, Irene Bascoy, Lucía Mbomio, Tati Moyano, a pioneira na radio e televisión feitas en galego Tareixa Navaza, Teresa Lozano e Zúa Méndez (Towanda Rebels).

A cita xorde como un preámbulo dos actos previstos con motivo do 8 de marzo. Así o indicaba a presidenta provincial Carmela Silva ao sinalar que é necesario reivindicar a presenza das mulleres nos espazos xornalísticos e, neste sentido, denunciou que malia que as mulleres conforman o 64% das persoas con carreira en xornalismo, tan só ocupan o 27% da escala directiva dos medios. Tamén afirmou que o número de mulleres que traballan como redactoras é máis alto que o de homes, en concreto un 26%. Silva considera que iso demostra que as mulleres escriben as novas pero son os homes quen as contan e lles poñen cara e voz.

Outro dato contundente ofrecido pola presidenta da Deputación é que en 2017 o total de mulleres xornalísticas en situación de desemprego acadaba a cifra de 4.500 mentres que os homes se sitúan en 2.500.

Susana Pedreira afirmou que o obxectivo é que a cita deste ano volva converterse en Trending Topic, como xa sucedía na primeira edición na que se acadaron 21 millóns de impactos en Twitter.

Diana López explicaba tamén que o éxito da primeira edición foi o que orixinou a necesidade, por parte das ponentes, a seguir visibilizando o seu traballo con novos encontros.

Tamén o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores amosou a súa satisfacción pola celebración deste evento e apuntou que é necesario loitar contra o machismo e contra o patriarcado.

A entrada para todas as intervencións será libre ata completar o número de butacas. Aquelas persoas que queiran garantir o seu asento no Teatro Principal poderán realizar unha reserva a través da web da Deputación de Pontevedra. As ponencias tamén estarán dispoñibles a través da retransmisión en streaming.