O proxecto que os socialistas presentan para o barrio de Campolongo xira sobre un eixo fundamental: unha actuación "realista e factible" para destapar o tramo oculto do Gafos. Así llo trasladou o candidato á Alcaldía, Tino Fernández, aos veciños do barrio.
Tras moitos anos de reivindicacións veciñais e promesas que quedaron "en papel mollado", Fernández defende unha actuación "en fases" que conte coa implicación da administración central para a súa execución.
O candidato socialista recorda que o río leva dende a década dos 70 privado de luz e de osíxeno, polo que fronte a outras propostas "faraónicas e imposibles de executar" os socialistas porán enriba da mesa un proxecto "de carácter progresivo, serio e con avais".
Os traballos comezarían polo paseo Valle Inclán, onde apenas hai problemas de carácter técnico ao tratarse dun espazo de parque sen tráfico de vehículos, con vistas a destapalo posteriormente noutras áreas se os veciños o consideran oportuno.
Este plan integral tamén contempla a actuación inmediata sobre algunhas parcelas privadas no entronque das rúas Alcalde Hevia e María Victoria Moreno, "que se converteron en auténticos vertedoiros infestados de lixo, ratas e bolsas de plástico", segundo o PSOE.
Neste mesmo sentido, os socialistas consideran necesario levar a cabo campañas periódicas de desratización coa finalidade de tentar atallar o problema da proliferación de roedores que se dá no contorno do río.
A mellora da limpeza e da recollida de lixo en todo Campolongo, a substitución dos contedores en mal estado, o cambio dos bancos situados no paseo dos Gafos por outros máis ergonómicos e a axeitada poda das árbores da avenida de Augusto García Sánchez son outras das propostas presentadas polos socialistas para este barrio pontevedrés.
Tino Fernández tamén considera prioritario mellorar o sistema de canalización de augas pluviais no Parque da Constitución, co obxectivo de rematar coas enormes pozas e asolagamentos que se producen "cada vez que chove un pouco".
Ademais, integrar o Parque da Seta na Praza da Constitución será outra das prioridades para o PSOE, que defende unha "peonalización branda" da rúa Iglesias Vilarelle, pintándoa dunha cor diferente, dándolles preferencia ás persoas sobre os coches e restrinxindo o paso só aos residentes.
O paquete de medidas dos socialistas prevé tamén a mellora do alumeado do novo parque infantil de Campolongo para evitar actos vandálicos polas noites, a limpeza da escultura da Praza da Constitución, o control dos veladores que invaden as zonas de paso peonil e a colocación de pivotes nas rúas Manuel Leiras Pulpeiro e San Pedro de Alcántara.