Os 224.453 pensionistas da provincia ingresarán case 500 euros máis o ano que vén

Pontevedra
02 de decembro 2024

O 2,8% é a subida que se aplicará, de forma xeral, ás pensións contributivas e pensións correspondentes ao Réxime de Clases Pasivas do Estado

Mobilización de pensionistas e xubilados da CIG
Mobilización de pensionistas e xubilados da CIG / Mónica Patxot

As pensións contributivas subirán previsiblemente un 2,8% en 2025, unha vez adiantado o Índice de Prezos de Consumo (IPC) de novembro, que permite avanzar, en base á variación interanual da inflación, a revalorización do ano que vén.

En Pontevedra serán 224.453 as persoas pensionistas beneficiadas.

A pensión media na provincia é de 1.260,41 euros ao mes, polo que o incremento mensual será de 35,3 euros.

Ao tratarse de 14 pagas, serán 494,2 euros máis ao ano o que percibirán, de media, os pensionistas desta provincia.

Así, un pensionista que perciba una pensión de 1.466,81 euros ao mes (coincidente coa pensión media de xubilación na provincia) pasará a recibir en 2025 unha pensión de 1.507,88 euros mensuais, o que supón un incremento anual de 574,98 euros.

O 2,8% é a subida que se aplicará, de forma xeral, ás pensións contributivas —inclúense categorías como xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e en favor de familiares— e pensións correspondentes ao Réxime de Clases Pasivas do Estado.

Dende a entrada en vigor da Lei 20/2021, froito do acordo entre o Goberno e os interlocutores sociais, as pensións actualízanse cada ano conforme ao incremento dos prezos para garantir o seu poder adquisitivo, en liña coas recomendacións do Pacto de Toledo, tal e como se recollía na súa 2ª Recomendación.