Pensionistas e persoas xubiladas da CIG concéntranse contra a exclusión dixital

Pontevedra
16 de marzo 2023

Durante este xoves, representantes da CIG concentráronse ante as oficinas do Instituto Nacional da Seguridade Social para representar as colas que fan para conseguir atención presencial nas diferentes oficinas administrativas

Xubilados e persoas pensionistas da CIG durante a protesta diante do INSS
Xubilados e persoas pensionistas da CIG durante a protesta diante do INSS / CIG

Pensionistas e persoas xubiladas da CIG concentráronse este xoves diante das oficinas do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) das sete cidades galegas, entre elas Pontevedra, para denunciar a exclusión dixital que sofren.

Representaron nestes actos, as dificultades que se atopan para lograr contactar co organismo e as colas ás que fan fronte para arranxar trámites tan necesarios como a solicitude da pensión ou da xubilación.

As protestas forman parte da campaña da central nacionalista que comezaba en febreiro na que se recollen sinaturas para entregar á Valedora do Pobo reclamando a eliminación das barreiras de acceso a servizos públicos como a sanidade ou ao propio INSS para realizar diferentes procedementos administrativos.

Alertan da fenda dixital á que se enfronta o colectivo de persoas maiores provocando unha situación de vulnerabilidade e, como consecuencia, unha exclusión social.