Pementos asados con recheo de bonito do norte Pescamar

Pontevedra
22 de maio 2021

Nesta nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" imos aproveitar todas as calidades do bonito do norte, o peixe máis cotizado dentro da familia dos túnidos e rico en graxas saudables

Pementos asados recheos
Pementos asados recheos / Foto creada por azerbaijan_stockers - www.freepik.es

Mergullámonos nunha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" cunha sinxela receita de forno da man de Conservas Pescamar, que leva como principal ingrediente o bonito do norte.

O Bonito do Norte Pescamar é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén unha gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados. A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde cardiovascular da súa presentación en aceite de oliva.

Para preparar estes deliciosos Pementos asados con recheo de bonito do norte Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 2 latas de Bonito do Norte en aceite de oliva Pescamar

- 4 pementos de tamaño medio

- Queixo de tetilla (cantidade ao gusto)

- 1 tomate

- 1 cabaciña

- 1 cebola

- 100 ml de leite evaporado

- 2 ovos cocidos

- Aceite

- Sal e pementa

Preparación:

Preparamos os pementos. Lavamos e cortamos pola parte superior cada peza. Retiramos as sementes do interior. Reservamos.

Para o recheo, cortamos a cebola e fritímola en aceite de oliva a lume suave ata que comece a estar tenra. Engadimos o tomate e a cabaciña cortados en anacos de tamaño medio e refogamos.

Retiramos a mestura do lume. Escorremos os ingredientes e mesturámolos co  Bonito do Norte en aceite de oliva Pescamar, os dous ovos cocidos previamente picados e o leite evaporado. Sazonamos con sal e pementa.

Colocamos os pementos de pé sobre unha fonte de forno. No caso de que non se manteñan, podemos facer pequenos cortes na base ata que asenten. Enchemos cada pemento coa mestura e tapamos coa parte superior que reservaramos. Enfornamos a 180 graos durante uns 20 minutos. Cando estean feitos, colocamos por enriba pequenas porcións de queixo de tetilla e deixamos que se derreta lixeiramente coa calor residual.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.