Non haberá ningún comercial no aeroporto provincial de Peinador durante o 14-N, xornada de folga xeral en todo o país. Os servizos mínimos acordados entre sindicatos e o Ministerio de Fomento non recollen actividade na instalación viguesa. Ocorrerá con ela o mesmo que pasará con Alvedro na Coruña. Este mércores tan só poderase voar desde Galicia no aeroporto de Santiago de Compostela.
Ningunha das compañías que operan en Peinador ten previsto rexistrar nin un só voo con saída ou destino en Vigo. Así o confirmaron desde as propias aerolíñas, Iberia, Vueling, Air Europa, Air Nostrum, Air France e Orbest.
En concreto, os seis enlaces que o aeroporto comparte diariamente con Madrid-Barajas a través de Iberia, quedarán anulados con motivo desta folga xeral. Trátase da mesma decisión que tomou Vueling con respecto ás conexións coa cidade de Barcelona.
Desde Vigo tampouco se poderá voar a Bilbao, conexión que xestiona a empresa Air Nostrum. Os seus directivos decidiron cancelar os seus dous enlaces diarios co País Vasco, así como os outros dous que enlazan Vigo con Madrid. E Air France, a través da súa páxina web tamén informa que o aeroporto Charles de Gaulle non recibirá nin enviará pasaxeiros a Peinador.
Todas as compañías ofrecen información dos voos afectados nas súas respectivas páxinas web e ata dan a posibilidade aos seus pasaxeiros de cambiar os seus billetes para outras datas.