Pedro Duque fará parada en Pontevedra no acto central da campaña do PSOE

Pontevedra
29 de xuño 2020

O ministro de Ciencia e Innovación arroupará o candidato socialista, Gonzalo Caballero, nun mitin na praza da Ferrería a partir das oito da tarde deste mércores 1 de xullo no que tamén participarán Maica Larriba, Tino Fernández, Carmela Silva, David Regades e os candidatos Paloma Castro, Rafael Cotelo e Manuel Loureiro 

Mitin de Pedro Duque e Gonzalo Caballero na praza da Ferrería o 1 de xullo
Mitin de Pedro Duque e Gonzalo Caballero na praza da Ferrería o 1 de xullo / PSdeG-PSOE

O ministro de Ciencia e Innovación do Goberno de España, o ex astronauta Pedro Duque, aterrará esta semana en Pontevedra para participar na campaña electoral das eleccións autonómicas do 12 de xullo, en concreto, para arroupar o candidato socialista, Gonzalo Caballero, no que será o acto central na cidade. 

Duque participará nun mitin na praza da Ferrería a partir das oito da tarde deste mércores 1 de xullo no que tamén participarán a secretaria xeral do PSOE local e subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o seu secretario de Organización e tenente de alcalde Pontevedra, Tino Fernández; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o secretario provincial do PSdeG, David Regades, e os candidatos Paloma Castro, Rafael Cotelo e Manuel Loureiro.

O astronauta e enxeñeiro aeronáutico intentará, desta maneira, propulsar a campaña de Caballero para chegar á Presidencia da Xunta de Galicia.

Duque, Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional, Gran Cruz ao Mérito Aeronáutico e doutor honoris causa pola Universidade Europea de Madrid, a Uned e a Universidade de Almería, é ministro de Ciencia e Innovación no Goberno de Pedro Sánchez desde xuño de 2018. É o segundo astronauta en ocupar un ministerio no mundo, despois do canadense Marc Garneau.