Pedaladas denuncia a aparición de chinchetas na senda do Lérez que poñen en perigo aos ciclistas

Pontevedra
17 de xullo 2020

A asociación sinala que estes elementos aumentan o risco de picada, que pode ocasionar unha caída pola perda de control repentina da bicicleta, e lembra que a maioría dos ciclistas que a usan son novatos e familias con menores, de maneira que é aínda máis elevado o perigo de feridos graves

Senda do Lérez
Senda do Lérez / Juan Mejuto

A asociación Pedaladas amosou este venres a súa preocupación pola aparición de chinchetas na senda do Lérez porque aumentan o risco de picada e poden supoñer un risco de accidente para os ciclistas que circulan por esta vía tan concorrida de Pontevedra. 

O colectivo chama a atención sobre o feito de que unha picada nun mal momento pode ocasionar unha caída pola perda de control repentina da bicicleta. Ademais, nesta senda hai desniveis cara o río e a maioría dos ciclistas que a usan son novatos e familias con menores, de maneira que é aínda máis elevado o risco de accidente e de que se rexistren feridos graves. 

A preocupación de Pedaladas está motivada polas chinchetas da senda e tamén polo temor a que este tipo de actitudes contra a convivencia se xeneralicen, pois fan referencia a situacións vividas noutras cidades como A Coruña, onde nalgún dos seus carrís bici compartidos con peóns regularmente apareceren chinchetas.

Lembran que os usuarios avanzados de bicicleta todo terreo levan liquido antipicada que impide este risco, xa que se requiren unha gran cantidade de perforacións de pequena magnitude para que a bici perda o aire, pero o perigo é maior para os novatos e os menores. 

Ante esta situación, piden ao Concello que actúe e instan ás Forzas de Seguridade do Estado a previr esta conduta.

Pedaladas lembra que anos atrás adoitaban aparecer trampas no monte que xeraban situacións de perigo para os ciclistas, pero foron erradicadas na comarca de Pontevedra cando a Fiscalía deu o aviso de que se unha trampa producía un falecido sería considerado homicidio por imprudencia. 

Este non é o primeiro aviso de Pedaladas sobre a seguridade na senda do Lérez. Así, segundo lembran, desde 2015 realizan comentarios informais na Mesa pola Bicicleta sobre a velocidade á que circulan as bicicletas por esta vía e piden unha mellora da sinalización.

En novembro de 2019 fixeron unha petición formal por rexistro para que se limite un pequeno tramo a 10 quilómetros por hora onde está a pasarela de madeira e o acceso a Monte Porreiro pola velocidade que se alcanza polo tipo de pavimento e alta afluencia de peóns. O resto de trazado ata Bora piden que se limite a 20 quilómetros por hora, atendendo ás distancias de seguridade e prioridade peonil, xa que a sección da senda é suficiente e hai unha menor cantidade de peóns. 

A petición foi orixinada porque unha minoría de ciclistas estaba a usar o trazado da Senda como espazo de adestramento, en parte porque coincide co percorrido de numerosas probas BTT e pola carencia doutros espazos adecuados onde adestrar separados do tráfico motorizado. Nalgúns casos estes ciclistas pasan demasiado rápido e demasiado cerca dos peóns.

Segundo indican, a resposta recibida do Concello foi que non estaba prevista ningunha intervención ao respecto. Agora, Pedaladas tentará de novo que o Concello mellore a sinalización de coexistencia nesta senda e que se busque algunha solución á presencia de chinchetas.