O repentino peche do centro estético Láser Sesión by 360 Clinics Pontevedra, situado no Centro Comercial Carrefour de San Blas-Salcedo, suscitou unha grande indignación entre os seus clientes, que quedaron con tratamentos pendentes.
Este peche, que tivo lugar o pasado luns 18 de novembro sen previo aviso, levou á marinense Noelia Souto a crear unha publicación en Facebook que rapidamente se converteu nun punto de encontro para outros afectados.
"Non nos avisaron de nada, e cónstame que ao persoal do centro tampouco, foi por sorpresa", relata a PontevedraViva a propia Noelia, quen pagara 561 euros por un paquete de sesións de depilación láser e aínda lle quedaban varias por recibir.
"Decateime de que o centro pechaba por amigas que traballaban antes alí e aconselláronme que fose adiantar as miñas sesións. O que atopei foi un local pechado e un cartel que dicía que nos atenderían no centro de Vialia en Vigo a partir do 25 de novembro, pero é que ese centro aínda non está aberto".
A noticia deixou a Noelia e a moitas outras persoas afectadas sen respostas, xa que o número de atención ao cliente non funciona e non recibiron explicacións claras. Este medio tentou contactar coa empresa e en todas as liñas habilitadas salta a mensaxe de que "o teléfono marcado non se atopa dispoñible neste momento".
Entre os afectados atópase Jaime Tomé, quen tamén esixiu unha solución. "O martes 19 de novembro recibín un sms confirmando que pechaban ese mesmo día por motivos económicos pero dixéronme que os tratamentos pendentes trasladaríanse a Vigo. Para min é imposible ir alí", comenta.
Tomé pagara unha cantidade considerable polo seu paquete de sesións e teme que non poida recuperar o custo do tratamento que non vai recibir. "Legalmente deberían devolver o diñeiro se pechan e hai tratamentos pendentes", asegura.
Neste sentido, enviou unha reclamación á empresa que lle contestou que "non me van a devolver o diñeiro da diferenza de sesións que me quedan por facer. No meu caso son catro e parece que tiven sorte porque outras persoas teñen pendentes máis sesións".
Tamén Tomé pediu por mail toda a súa documentación á empresa porque estivo buscando o contrato e non o atopou. De momento, non obtivo resposta.
Parece que este caso non é casual, xa que, asegura Noelia, a operativa habitual da empresa era que se asinase o contrato nunha tablet co compromiso de que cho enviarían ao correo electrónico. Ela e numerosas persoas afectadas que se manifestaron nas redes insisten en que nunca recibiron dito contrato.
A situación é desesperante para as máis de cen persoas que, como Jaime, contactaron con Noelia para compartir as súas experiencias. A maioría delas séntese estafada, pois moitos achegaron grandes sumas de diñeiro por adiantado por tratamentos que, sen previo aviso, quedaron inconclusos. "Hai quen pagou até 1.600 euros e aínda non se deu ningunha sesión", engadiu Souto.
Por iso, Noelia e Jaime, xunto con outros afectados, están a comezar a presentar reclamacións nas oficinas de Consumo da Xunta de Galicia e uníronse con outros daminificados no grupo de Facebook "Afectados 360 Clinics Pontevedra".
O malestar esténdese, e moitos clientes compartiron testemuños de prácticas irregulares e falta de transparencia na atención, a través de reseñas en Trustpilot, entre outras.
Na web oficial dos centros Láser Sesión by 360 Clinics de España, ao peche deste artigo, segue anunciándose o local de Pontevedra e non hai rastro da apertura dun novo establecemento no Centro Comercial Vialia de Vigo. "Eles séguense anunciando en redes sociais coma se non pasase nada. É unha vergoña", conclúe Noelia, mentres convida a outros afectados a facerse escoitar.
Nas últimas horas, a empresa contestou a algunhas destas críticas coa mesma mensaxe: "As acusacións que realiza non corresponden en absoluto coa realidade da nosa xestión e atentan gravemente contra a nosa honra e integridade persoal (...) reservámonos o dereito de proceder coas accións legais pertinentes (...) Convidámoslle a que (...) comunique directamente connosco a través das nosas canles oficiais (...) Estamos sempre dispostos a atender calquera problema de maneira transparente e profesional".
Conforme pasan os días, o número de persoas afectadas que se manifesta en redes segue aumentando. Entre elas, un reducido número indica que vai agardar até o 25 de novembro para ver se a empresa cumpre co anuncio de atender as súas sesións en Vigo. A partir desa data, estudarán as accións que poderían tomar.