Catro enfermeiras e unha doutora. Outras cinco persoas súmanse aos afectados polo brote de covid-19 detectado na unidade de Oncoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra. Ata o de agora son xa trece as persoas que se contaxiaron.
Estes novos positivos súmanse aos seis pacientes, a acompañante dun deles -cuxo contaxio sería segundo anidade a orixe do brote- e unha quinta enfermeira, cuxo diagnóstico se confirmou durante a xornada de onte.
Ante a gravidade da situación, as autoridades sanitarias decidiron pechar temporalmente a planta de Oncoloxía 2 onde se rexistraron os contaxios. A intención é desinfectala de maneira minuciosa ao longo da próxima fin de semana.
Estes traballos estenderanse polas nove habitacións desta planta, que teñen en total doce camas, os espazos comúns e os lugares onde o persoal sanitario desempeña toda a súa actividade asistencial.
Os dous pacientes que, tras dar negativo na PCR, seguían ingresados en Oncoloxía 2 foron trasladados á outra planta reservada para esta especialidade no Hospital Provincial.
Fontes sanitarias confirman a PontevedraViva que os seis pacientes e a acompañante que deron positivo atópanse ingresados na unidade covid de Montecelo. Todos eles presentan síntomas leves da enfermidade e estáselles realizando un seguimento constante.
Todos os profesionais sanitarios contaxiados, pola súa banda, atópanse illados nos seus respectivos domicilios, aseguran estas mesmas fontes.