Pechan as ruínas de San Domingos nas festas da Peregrina para ser revisadas tras caer un capitel

Pontevedra
09 de agosto 2013

Serán pechadas ao público este sábado 10 coincidindo coa Semana grande das Festas a Peregrina para revisar a situación da antiga igrexa despois do desprendemento dun capitel

As ruínas de San Domingos serán pechadas este sábado 10 de agosto ata novo aviso para que se acometan traballos de revisión. O peche débese a que queren verificar o estado actual e determinar se precisan algún tipo de intervención para mellorar a súa conservación, segundo explican dende o departamento de comunicación da Deputación de Pontevedra.

As ruínas de San Domingos é un dos edificios máis visitado do Museo de Pontevedra. Numerosas excursións ao longo do ano aproveitan a súa visita á cidade para achegarse a coñecer o edificio máis antigo dos inmobles do Museo.

Segundo confirmou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, hai unha semana desprendeuse un capitel da antiga igrexa da que se conserva unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, e parte do muro Sur.

A última revisión deste monumento remóntase ao ano 2003 pero naquela ocasión non se chegaron a cubrir as xuntas entre as distintas partes da edificación que se conservan e por eses espazos fíltrase a auga da chuvia e pode verse o musgo que foi formándose. A estas circunstancias, habería que sumar as actividades que se desenvolvan na praza de España que poidan provocar vibracións nas ruínas. A falta do informe oficial, os visitantes agardan que se acometa unha reparación integral da obra que evite novos desprendementos.