A planta de hospitalización para pacientes covid do Hospital Montecelo está pechada, unha situación que non se producía desde que se iniciou a pandemia. O doutor Juan Turnes, coordinador de hospitalización covid da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, confirmou este xoves, en declaracións a PontevedraViva, que desde a tarde do mércores non hai ningún paciente coa infección activa, de maneira que se procedeu a pechar esta planta específica.
O último paciente deu resultado negativo na tarde deste mércores, pero xa nos últimos días se confirmara esta evolución de que non había practicamente pacientes coa infección activa, de maneira que se foi pensando en pechar a planta específica, que estaba habilitada nunha das áreas habituais de traumatoloxía. Durante os momentos máis complicados da pandemia chegou a habilitarse para pacientes con covid varias plantas de Montecelo, pero había xa varios días que todos estaban concentrados só nunha.
Este situación sorprende porque no parte diario facilitado pola Consellería de Sanidade, a través da xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, seguen aparecendo sete pacientes ingresados en planta de hospitalización de Montecelo e un paciente na Unidade de Coidados Críticos. Juan Turnes explica que esta situación se debe a que ata que estas persoas reciban a alta médica e deixen o hospital van figurar como pacientes con covid-19 nas estatísticas. En realidade, xa non hai pacientes coa infección activa nin en planta de hospitalización nin en UCI.
Son pacientes que continúan ingresados porque teñen outras patoloxías ou porque a súa saúde se complicou polos síntomas da covid-19, pero que xa dan negativo na proba específica para detectar a enfermidade. De todas maneiras, a efectos estatísticos, tanto por parte do departamento de Saúde Pública da Consellería de Sanidade como por parte do Ministerio de Sanidad, seguen a estar considerados como pacientes covid e así seguirá mentres continúen ingresados. Segundo explicou Turnes, é unha situación que se dá desde o inicio da pandemia, pero que nestes momentos chama a atención porque ata agora non se dera a circunstancia de que se puidese pechar a planta porque non había ninguén coa infección activa.
Actualmente, "no hay pacientes con el virus activo" e, polo tanto, "no necesitan estar aislados ni ser tratados con equipos de protección", xa que logo optouse polo peche da planta. "Para mí, no es paciente covid porque ya no contagia y no necesita medidas de protección adicionales", explica Turnes, que, de todas maneiras, entende que as estatísticas leven a que si que figuren eses pacientes nos partes diarios oficiais.
Esta situación de que non haxa pacientes con covid-19 ingresados na área sanitaria non se producía desde o verán de 2020. Naquela ocasión, con todo, mantívose aberta a planta de hospitalización. Durante o verán pasado e ata o mes de outubro permaneceu sempre aberta unha planta na antiga traumatoloxía e a partir de aí foron habilitándose máis.
A partir de agora, os ingresos que se poidan producir con diagnóstico de coronavirus derivaranse a habitacións illadas na planta que lle corresponda polos síntomas que presenten, evitando contactos de risco co resto da planta en que se atopen. Será, segundo Turnes, fundamentalmente Pneumoloxía ou Medicina Interna e terán medidas de illamento alí, pero sen necesidade de illar una planta enteira, como sucedeu no pasado coa gripe A ou como sucede habitualmente con outros pacientes con enfermidades moi contaxiosas.
Segundo Juan Turnes, a aplicación da vacina e ter interiorizado xa as medidas de protección durante os últimos meses son o elemento fundamental para este cambio e permite que o Hospital Montecelo volva a un estado de certa normalidade despois de superar meses complicados cando ata as sete plantas do centro hospitalario tiñan que dedicarse en exclusiva a ingresos covid con illamentos para evitar contaxios tanto entre pacientes como en relación ao persoal sanitario. El amósase "optimista" sobre a evolución da pandemia.