Pechado o prazo para inscribirse na campaña de compostaxe con 55 solicitantes

Pontevedra
04 de abril 2013

A pesar de que as prazas se limitaban a 50 os responsables municipais decidiron aceptar todas as propostas para unha campaña que pretende recuperar as formas tradicionais de tratamento de residuos orgánicos

O Rexistro Municipal pechou o prazo de inscricións para a campaña de compostaxe doméstica para as parroquias de Bora, Marcón e Mourente coa solicitude de 55 persoas interesadas en participar no proxecto.

A campaña, que busca recuperar as formas tradicionais de tratamento dos residuos orgánicos creando un plan de educación ambiental para adultos, contaba inicialmente con 50 prazas, pero dende a concellaría de Servizos, organizadora en colaboración coa asociación ecoloxista Adega, decidiuse incluír a todos solicitantes.

O próximo luns, día 8 de abril, entregaranse os composteiros e darase un manual para o seu uso, con información do sistema de residuos e sobre o uso do compost.

Para facer un seguimento da campaña Adega fará tres visitas aos domicilios dos participantes, resolver as súas dúbidas e coñecer a súa opinión sobre un proxecto que esperan poder ampliar a máis familias.