Pechada unha parte da praia de Montalvo por unha avaría no emisario submarino

Sanxenxo
29 de xullo 2024

A avaría quedou reparada na mañá deste luns, pero mantense por precaución a restrición nun dos extremos da praia

Praia de Montalvo
Praia de Montalvo / Concello de Sanxenxo

O esmagamento dun tramo do emisario submarino de Montalvo, por causas que, polo momento, descoñécense obrigou a pechar durante a mañá deste luns o extremo esquerdo da praia. 

A obstrución do tubo provocou unha fuga de auga depurada en terra, na parte alta do areal, ao non poder ser aliviada polo emisario.

Unha vez coñecido o problema, o alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Praias, Juan Deza, así como outros membros do goberno desprazáronse ao lugar xunto a técnicos da concesionaria do servizo e da empresa que está a realizar a colocación do novo emisario submarino.

Como medida de prevención, o Concello ordenou a operarios municipais acordoar aproximadamente 150 metros do extremo esquerdo do areal, pechar ao baño a zona mentres non se coñezan os resultados da analíticas da auga, encargadas esta mañá, e baixar a Bandeira Azul.

A avaría quedou xa resolta a última hora da mañá despois de que un equipo de mergulladores detectase e reparase o esmagamento a 500 metros da beira. Agora os operarios limpan e acondicionan a zona da fuga en terra.

Nos próximos días realizarase un seguimento da calidade da auga en tres puntos diferentes do areal.