Pecha o convento de clausura de Santa Clara

Pontevedra
26 de setembro 2017
Actualizado: 16:50

As tres monxas que permanecían nas instalacións relixiosas nos últimos tempos trasladáronse nas últimas horas a Santiago de Compostela e o recinto quedou oficialmente sen actividade tras máis de sete séculos das monxas clarisas en Pontevedra 

Convento de Santa Clara
Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

O convento de clausura de Santa Clara pechou. As tres monxas que permanecían nas instalacións relixiosas nos últimos tempos trasladáronse nas últimas horas a Santiago de Compostela e o recinto quedou oficialmente sen actividade. 

As monxas que permanecían no convento, dúas delas de idade moi avanzada, pertencen á Orde de Santa Clara ou das Irmás Pobres de Santa Clara, as comunmente coñecidas como clarisas, e a partir de agora intégranse na comunidade do convento de Santa Clara da rúa San Roque de Santiago de Compostela.

Este peche supón pechar as portas do convento e de máis de sete séculos de historia de Pontevedra, pois o convento data do século XIII. Era un dos recintos relixiosos máis coñecidos da cidade, ao ser cita tradicional para todas as parellas que se querían casar e acudían a entregarlle ovos ás relixiosas e a pedirlle bo tempo para o día da voda. 

A noticia do peche, avanzada na tarde deste luns por Radio Pontevedra, era xa temida desde hai un tempo, pois a comunidade de relixiosas minguara no últimos anos e, de feito, das tres monxas que seguían no el, tan só dúas eran do propio convento e unha chegara de apoio desde Santiago dada a idade avanzada das súas dúas compañeiras.

Fontes próximas á orde relixiosa indicaron que na tarde deste luns as dúas monxas de maior idade, Sor Purificación e Sor Sagrario, e a monxa que leva un tempo desprazada desde Santiago para axudalas, Sor Manuela, fixeron a mudanza principal. Unha vez rematada, as dúas relixiosas octoxenarias desprazáronse á capital galega. A terceira quedou e na mañá deste luns seguiu co traslado coa axuda doutra relixiosa desprazada para a ocasión. 

As mesmas fontes sinalaron que as monxas están a levar para o covento de Santa Clara de Santiago os obxectos de maior valor que había no recinto relixioso, que agora quedará sen ningunha actividade. O que queda por fixar é cal será o uso do recinto, que non é propiedade do Arcebispado de Santiago, senón da Orde relixiosa.

De momento, en todo o recinto de Santa Clara só quedará actividade no baixo adicado á misión diocesana, que si xestiona o Arcebispado. Este mesmo martes, era o único punto do convento no que seguía véndose actividade e a porta estaba aberta, pois as monxas mesmo usaban esa entrada para ir e vir coa mudanza.