Pontevedra perde un dos seus comercios máis emblemáticos. Ernesto Filgueira, La Casa de los Paraguas pecha as súas portas tras 55 anos de actividade na praza de Méndez Núñez, no corazón do centro histórico. Así o confirmou o seu propietario, Ernesto Filgueira.
Asegura que, a pesar do seu compromiso en defensa do pequeno comercio, a oferta de proximidade, a atención personalizada ou os valores do comercio "humanista", resúltalles "imposible" resistir ao "esfarelamento inexorable" dos establecementos tradicionais "asfixiados" pola crise e as políticas económicas que "afogan" aos autónomos.
Filgueira tamén apunta que, aínda que non é a razón "decisiva", non é alleo a este peche a ausencia de continuidade xeracional nun negocio que iniciaron os seus pais e continuaron el e os seus irmáns, xa que "ningún dos nosos fillos ten entre os seus proxectos vitais esta actividade". Este feito, recoñece, condiciona "aínda máis" o futuro do establecemento.
"Se para min e para a miña familia o peche do establecemento é un acontecemento doloroso, sei que para esta cidade e comarca, que tanto nos deu e ás que non regateamos a nosa entrega e afán de servizo, significa outro pequeno desgarro", explica o empresario.
O peche deste histórico comercio, segundo Ernesto Filgueira, é o "signo dos tempos" do que non é alleo Pontevedra, ao concentrar as novas tendas fóra dos centros históricos -especialmente no eixo de Benito Corbal- provocando que os establecementos emblemáticos "vaian desaparecendo a un ritmo preocupante".
A este "indesexable fenómeno" contribúe tamén, engade Filgueira, a proliferación das plataformas de venda a través de internet, que levou a un "cambio de tendencia" con respecto a unha época na que "o coñecemento persoal, a calidade dunha peza ou ata o porte dun paraugas era un símbolo de distinción".
Ernesto Filgueira, La Casa de los Paraguas pecha "tal e como o coñecemos as últimas xeracións", sinala o seu propietario, que avanza que a partir do verán avaliarán a experiencia acumulada todos estes anos "esperando que apunte a novos proxectos viables", algo que "o tempo dirá" e que por agora "é unha incógnita".
Tras dar as grazas aos seus clientes pola súa "fidelidade" todos estes anos, Ernesto Filgueira explica que o peche efectivo do comercio será a principios de verán, tras un período de liquidación que comezará nuns días.